lunes, 13 de septiembre de 2010

O GAC Ría de Pontevedra promociona a pesca de baixura cunhas xornadas divulgativas

O Grupo de Acción Costeira (GAC) Ría de Pontevedra celebrará, do 21 ao 23 de setembro, unhas Xornadas de Divulgación de Produtos Marisqueiros e Pesqueiros da Ría de Pontevedra, unha cita única para coñecer de primeira man as posibilidades culinarias que brindan os peixes e mariscos de baixura. Cada unha das tres xornadas inclúen unha conferencia a cargo de expertos na materia e unha actividade demostrativa-degustación coa participación de restauradores da zona.

Marín é o primeiro concello que acolle esta programación –cuxa dirección técnica foi adxudicada ao Seminario para a Formación e Promoción-Grupo HG&T-, que se achegará a todos e cada un dos municipios integrantes do GAC de aquí a 2013. Preténdese deste xeito implicar á cidadanía e ao sector hostaleiro deste territorio na divulgación e promoción dos produtos pesqueiros e marisqueiros que se extraen máis preto da costa.

O GAC Ría de Pontevedra engloba aos concellos de Bueu, Marín, Poio e Sanxenxo e ten como obxectivos fomentar a participación activa dos sectores relacionados co mar na realización de todo tipo de actividades. Preténdese que as accións que se leven a cabo permitan, ademais do desenvolvemento local e o fortalecemento da capacidade organizativa do sector pesqueiro, a estimulación da innovación e unha diversificación para os profesionais do mar, buscando a continuidade e estabilidade sostible, isto é, máis aló da existencia dos fondos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

.